Saturday 11 de May de 2024

Celebrara hoxe unha nova reunión na Mesa de Coordinación Policial contra a Violencia de Xénero


Valorouse a posibilidade de que os profesionais das forzas e corpos de seguridade reciban unha formación xurídica específica sobre recepción de denuncias e instrución de dilixencias.

Esta mañá celebrouse no Salón de Plenos da Casa do Concello unha nova reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero na que participan representantes do Concello e das forzas e corpos de seguridade.

A sesión foi presidida pola directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, e contou coa presenza do comandante do posto da Garda Civil da Laracha, Miguel Rodríguez, do xefe de Policía Local da Laracha, Víctor Vilanova, e de Concepción García en representación do equipo de VioGén do posto da Garda Civil de Carballo.

Os principais asuntos a tratar consistiron na revisión das ordes de protección e das altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero. Tamén foron repasados os mecanismos de coordinación e os protocolos de actuación ante a detección de posibles casos desta natureza.

Así mesmo, valorouse a posibilidade de que os profesionais das forzas e corpos de seguridade reciban unha formación xurídica específica sobre a recepción de denuncias e a instrución de dilixencias ante a detección de posibles casos de violencia de xénero.

O Concello reitera o agradecemento a todos os sectores profesionais que teñen representación nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero -a de coordinación policial e tamén a educativo-sanitaria que se reunira recentemente- por estar sempre dispostos a acudir a estas reunións que se celebran cuatrimestralmente para favorecer a cooperación ante esta problemática social.